UNED

Currículum vitae
Ángel De-Juanas é Profesor Titular do Departamento de Teoría da Educación e Pedagoxía Social. Director da Escola Internacional de Doutoramento da UNED. Foi Coordinador do Máster Oficial en Intervención Educativa en Contextos Sociais. Desempeña labores docentes na UNED en materias de Grao de Educación Social, Máster en Formación do Profesorado de Secundaria na especialidade de Educación Física e no Máster en Intervención Educativa en Contextos Sociais. É director do Grupo de Investigación Socioeducativa da UNED. Foi Profesor Visitante no Instituto de Educación da Universidade de Londres, na Thomas Coram Research Unit. Ten publicados máis de cen artigos, libros e capítulos de libro sobre intervención socioeducativa. É editor de Pedagoxía Social Revista Interuniversitaria da SIPS.
Relatorio
“Lecer e relacións socioafectivas – a mocidade egresada do sistema de protección”
As traxectorias da mocidade que egresa do sistema de protección están marcadas por múltiples factores de risco que dificultan a súa inclusión social. Esta problemática vese acrecentada cando se produce a maioría de idade e cesa a protección administrativa. A ausencia dun tecido social de apoio heteroxéneo e sólido, o illamento social, a falta de iniciativa na xestión do tempo libre e a dificultade no desenvolvemento de relacións socioafectivas estables son, entre outros, factores que entorpecen a súa inclusión en contornas normalizadas que moitas veces non se atopan preparados para cubrir as necesidades específicas deste colectivo. Ante esta situación, as alternativas de lecer inclusivas poden abrir escenarios onde estes mozos poidan entramar un tecido social alleo á súa traxectoria no sistema de protección fortalecendo a súa capacidade de establecer relacións socioafectivas sólidas. Neste relatorio, expóñense as principais características dun lecer valioso para o colectivo de persoas mozas egresadas do sistema de protección, que elementos poden servirlles de protección na súa transición á vida adulta, así como mostrar aquelas propostas e intervencións socioeducativas e relacionadas co lecer que promocionan a inclusión social deste colectivo como resultado dunha investigación de tipo cualitativo realizada con eles e elas e con profesionais da intervención socioeducativa. Tras o discurso destes protagonistas xorden propostas e experiencias que evidencian intervencións socioeducativas desde o lecer que son facilitadoras da súa inclusión social.